CAMPAÑA
DE RECOLLIDA DE SINATURAS
PRO CUMPRIMENTO DO CONVENIO DE RECONSTRUCCIÓN DA
CASA NATAL DE MARTÍN SARMIENTO EN VILAFRANCA DO BIERZO.
Nesta primavera que se achega, o 18 de maio cumpriranse cinco anos da sinatura
do acordo que comprometía á Xunta de Galicia e a Junta de Castilla
y León a reconstruír a CASA NATAL DO PADRE SARMIENTO sita na
máis emblemática rúa da vila que o veu nacer hai xa 312
anos. Por iso coincidindo co 9 de marzo comezamos unha campaña solicitando
o cumprimento do acordo de reconstrucción de dita casa. As razois para
facer necesaria esta reconstrucción son muitas, como poderedes comprobar
se ledes o texto que precede ás sinaturas, pero, en primeiro lugar,
solicitámolo porque foi asinado polos dous presidentes (Sr. Fraga e
Sr Herrera) no ano 2002 data na que se celebraba tamén en Vilafranca
o Día das Letras Galegas. É xusto lembrar hoxe que foi VIEIROS
quen tamén puxera en marcha unha recollida de sinaturas con Sarmiento
como protagonista e que contribuíu sen dúbida a facer posible
que a Academia Galega saíse, por vez primeira na súa historia,
das fronteiras administrativas para celebrar no Bierzo tal conmemoración.
A modo de augurio da campaña que emprendemos, era precisamente o Presidente
da Academia, Xosé Ramón Barreiro, quen, tamén por vez
primeira este ano, recordaba en Ponferrada no acto de entrega dos Premios
Xarmenta ás autoridades das Comunidades de Galicia e de Castela e León
alí presentes, que era preciso acometer a reconstrucción da
Casa de Sarmiento.
Os prazos de execución
do acordo están xa superados, pero non o acordo en si. Por elo, dende
o goberno local de Vilafranca, a través do seu Alcalde, por vía
administrativa e tamén nos medios de comunicación nestes últimos
anos se denunciou o desinterese que demostraba a Junta de Castilla y León
no tema. Pola súa parte, a Xunta, que foi sen dúbida a promotora
do acordo, vén manifestando unha clara intención de converter
a Casa de Sarmiento nun lugar referencial. De feito a Xunta de Galicia, a
de Fraga, foi a que tomando a iniciativa anos atrás compraba a casa,
para logo, aínda que con certas neglixencias (como a de deixar derruír
o edificio orixinal sen garantías dunha reconstrucción inmediata)
viuse na obriga de activar o asunto coa sinatura do convenio pola "casual"
decisión da Real Academia de desprazarse a Vilafranca en pleno para
homenaxear ao Pai das Letras no Bierzo. O proxecto para a Nova Casa tamén
corría a cargo da Xunta que o realizou de inmediato e en decembro do
2002 remitíallo ao goberno de Castela e León quen debía
a partir de aí licitar e contratar as obras. Obras que, a pesar de
que a Xunta se comprometía a pagar ata o 50% do custe total, a día
de hoxe goberno Castelán-leonés aínda non licitou. A
Xunta, pois, o único que está incumprindo é realizar
un seguimento efectivo da execución da obra, aínda que o novo
goberno nos consta que ten manifestado a súa intención de impulsar
o proxecto.
A pelota, en todo caso, está no tellado do goberno de Valladolid e
cara alí principalmente dirixiremos esta campaña, coa intención
de obter respostas e esperemos que logo das palabras veñan as obras.
A Comisión Cultural
MARTÍN SARMIENTO naceu tamén á calor da celebración
do Día das Letras en honor de Pedro Xosé García Balboa,
o mesmo que logo sería o Padre Sarmiento. Nacemos para estudar e dar
a coñecer a súa vida e obra, pero especialmente para poñer
en práctica o seu "modus operandi", é dicir, ese ideario
que o levou a ser un contundente defensor do nosos bens patrimoniais, ademais
dun profundo coñecedor dos mesmos, patrimonio nun sentido amplo dende
a Historia, a Arte e a Arqueoloxía ata a Natureza, a Literatura e a
cultura inmaterial sen esquecer, como ben sabedes, a lingua. A Comisión
Cultural leva tamén organizando actividades dende cinco anos. Cinco
anos desenvolvendo parcialmente un Proxecto que leva o nome do ilustrado galego-berciano,
pero para que tome corpo precisa da reconstrucción da Casa Natal, unha
infraestrutura museística e/ou turística por estar ligada ao
Camiño de Santiago singularmente, pero á vez un elemento de
dinamización cultural de gran importancia.
Algunhas das iniciativas que se veñen realizando son, por exemplo,
os INTERCAMBIOS ESCOLARES "MARTÍN SARMIENTO" entre escolares
de Vilafranca e do Bierzo con centros educativos de Primaria e Secundaria
de Pontevedra, a outra vila de Sarmiento. Os do presente curso xa foron parcialmente
realizados. Corenta rapaces estudantes de galego dos centros escolares de
Vilafranca, Cacabelos e Corullón viaxaron a Pontevedra, acompañados
do seus mestres, o pasado día 1 e 2 de marzo. Agora esperan a visita
dos pontevedreses a Vilafranca e ao Bierzo a finais do presente mes. Seguimos
así fieis ao legado do polifacético bieito quen destacou tamén
polas súas preocupacións e ideas adiantadas sobre a Educación.
Outra experiencia que puxemos en marcha son os denominados CIRCUÍTOS
CULTURAIS coa intención de que música, teatro, literatura e
calquera outra manifestación cultural en galego poida estar presente
nas terras nas que Sarmiento escoitou galego por vez primeira. E estamos ultimando
o programa do que serán as III XORNADAS MARTÍN SARMIENTO, que
como vos podedes imaxinar xirarán este ano arredor do patrimonio e
as infraestruturas museísticas.
Invitamos, pois, a que todos aqueles que queiran manifestar a súa simpatía
co noso proxecto apoien esta campaña asinando nun moi frecuentado blog
local http://miradas3-escola.blogspot.com/
que tivo a amabilidade de colgar os textos de encabezamento das sinaturas
tanto en versión galega como en castelán, dirixida a Comunidade
Autónoma á que pertencemos administrativamente, aínda
que nestas ocasiois pareza mentira.
Héctor M. Silveiro Fdez, en calidade de representante da Comisión
Cultural Martín Sarmiento.