Celebrar 25 anos non é pouco para esta asociación cultural, e aínda que é algo máis que un grupo de gaitas, débelle a este instrumento popular e emblemático a súa esencia. É por iso polo que comezamos baixo o seu signo, o son das gaitas, esta celebración o próximo día 16 de setembro cun Festival de gaitas e música tradicional. Nel lembraremos os principais fitos percorridos por nós nestes 25 anos de existencia.

Actualmente a Escola prepara unha serie de actividades e publicaciois que encherán este ano do seu XXV aniversario. Neste Festival dos 25 anos a Escola interpretará un grupo de temas que ao longo da súa historia nos acompañaron e son fruito do traballo que sobre a gaita no Bierzo vén realizando.

Compartirán escenario con nós Treixadura gaiteiros e o orfeón do mesmo nome, un grupo amigo que presentamos cando nacía (no ano 92) ao público berciano pouco antes de editar o seu primeiro traballo "Obrigado" que inclúe precisamente unha peza do repertorio da Escola, o pasodobre de Emilio, o gaiteiro de Vilar de Aceiro.

festival XXV aniversario ESCOLA DE GAITAS

16 de setembro 23.00 praza maior Vilafranca do Bierzo



Actuación Escola + Treixadura
no ano 1993

 

Pero será cos traballos titulados "Unha noite no muíño" e "Unha noite non é nada" cando o grupo pase a ocupar un lugar moi destacado no mundo do folclore en Galicia e se multipliquen as actuaciois en TVG e Festivais de todo tipo. Veñen a Vilafranca e ao Bierzo a presentar o seu último CD "Unha semaniña enteira" onde a voz e as composiciois propias cobran un protagonismo especial.

Seguindo as palabras do filólogo e musicólogo Antón Santamarina, a música popular segue viva e non só porqeu os estudosos dos séculos XIX e XX a embalsamasen en eruditos cancioneiros que os grupos actuais aproveitan como fonte, senón porque se adaptou, en fórmulas e grupos como Treixadura, e nesta nova etapa cambiou a aldea pola vila e se, en certa maneira, perdeu algo en autenticidade, compensou esa perda cun gaño esencial: converteuse nun dos signos que conforman a nosa identidade como pobo, se cadra o máis importante despois da lingua.

Treixadura presentará un espectáculo musical que envolve ó público en sons e imaxes ante os que un non deixa de sorprenderse. Valses, muiñeiras, foliadas, pasodobles e demáis ritmos da nosa tradición van sendo debullados nun ambiente que tanto pode encaixar na romaría máis popular como na festa ou evento máis urbán.