COMPROMISO COA TRADICIÓN
Cando
se cumpren 20 anos da edición en imprenta do primeiro cartel da Festa do Maio
por iniciativa da Escola de Gaitas, pasados máis de 25 anos de organización
da festa, chegou o momento de solicitar
para este evento tradicional e ancestral o rango de Festa de Interese Local,
para logo poida selo a nivel Comarcal, Provincial e Autonómico.
Ese é un dos nosos obxectivos polo que nos iremos dirixindo ás distintas administraciois para lograr este recoñecemento, que, por outro
lado, a nosa Festa xa o ten gañado ao ser quen de viaxar de xeitos diversos
a lugares tamén diversos.
Chegamos a través
de charlas onde o chamativo era a tipoloxía de maios, os maios humanos ou vivintes, perdidos en case que todos os lugares de Galicia
hai máis de cen anos, por exemplo na súa capital houbo un maio-mozo
moi parecido ao noso. Si eilí a Santiago de Compostela, chegou noutra ocasión o noso maio ás aulas
da Facultade de Filoloxía por ser unha xoia da tradición oral do galego do
Bierzo. Logo veríamolo en León formando parte dunha exposición fotográfica destacado por ser
imaxe florida da vitalidade da primavera e postal fermosa da tradición que
soubemos coidar ata hoxe.
Máis tarde, aparecerá en varios libros como a Guía das Festas
Populares de Galicia ou o máis específico sobre a Festa dos Maios en Galicia
que destaca de novo a súa singularidade lingüística e formal.
No ano 2004 aparece
tamén no libro o Foro dos Maios de Ourense
que levaba o título de “Levántate maio” onde se destaca a nosa experiencia
na recuperación da tradición cando estaba en trance
de desaparición. O maio estivo no ENCONTRO DE PORTADORES DA TRADICIÓN
Melgaço (Portugal)
onde se reafirmou o noso compromiso coa tradición, por unha banda, e, pola
outra, démoslle ao maio un carácter internacional ao formar parte da proposta
da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego Portugués á UNESCO, unha proposta
que dende o goberno de Galicia e o Ministerio de Cultura de Portugal está
tendo unha grande importancia á hora de conservar, estudar
e difundir un patrimonio que precisa da atención das instituciois.
Todos os vilafranquinos estamos
especialmente implicados na conservación desta manifestación cultural que
é un símbolo da nosa identidade, razón pola cal son cada vez máis os bercianos
interesados en participar e festexar con nós esta festa. Vilafranca,
a vila que ten un recoñecido patrimonio
histórico-artístico, debe promocionar
outros valores patrimoniais, debe facer desta festa tradicional unha referencia
para ese turismo cultural que tantos e tantos visitantes trae á pequena Compostela.
Este costume está ligado á influencia do Camiño Francés pola melodía que acompaña
as letras do maio, unha tradición que seguro se asentou na nosa vila, coas
coplas cantadas coa mesma música,conservadas ano tras ano, prácticamente desde o nacemento da Villa-Franca
ou Villa Fracorum. O caso
é que esta peza do noso tesouro patrimonial debe ser preservada para o futuro,
por iso apostamos polo futuro da tradición
e seguimos traballando con corazois.
Asociación Cultural
ESCOLA DE GAITAS



Domingo 30 de abril :
RONDA POÉTICO
MUSICAL
A partir das 18:00h. A adornar os balcois
da Rúa da Auga.
Ás 11 da noite: Comezará a Ronda
poético musical teatreira primaveral pola Rúa que
contará coa presenza dos Regueifeiros Luis
Correa e Benito Lobariñas.
Ao remate haberá para todos unha máxica Queimada das castañas
maias.
Luns 1 de maio:
O MAIO TRADICIONAL
A partir das
8,30 na Casa da Cultura para ir cortar as cañaveiras
.
Ás 11,30 os maios andarán
as rúas da vila para reunirse finalmente na Praza Maior a última hora
da mañá.
Logo Comida campestre de todos os participantes
con música e danza de sobremesa.
O MAIO NAS ESCOLAS
Os CENTROS
ESCOLARES DO MUNICIPIO reciben habitualmente unha proposta didáctica da Escola de Gaitas de cara a consolidar o seu
compromiso coa difusión entre os máis novos do costume e a participación activa
tanto na ronda como nos cortexos de maios.
NOTA:
Un agradecemento especial a todos os que traballan de corazón polo futuro
da tradición. A Ramón Cela autor da foto do cartel e a Oswaldo
Pereira o deseñador do mesmo.

Foto Luisma
1988
ilustración do libro A
Festa do Maios en Galicia,
de Clodio González Pérez.

LETRA DO MAIO
Marzo airoso,
abril chuviñoso,
sacan o maio
florido e fermoso.
Entra Mayo
con sus flores,
sale abril
con sus amores.
Este maio,
señora é,
este maio
andaba de pé.
Viche o maio,
miralle ben,
tres caralliños
tamén os ten.
Tire castañas,
señora María,
tire castañas
que as ten na cociña.
Estas portas
son de ferro
onde vive
un caballero.
Esta casa
é de cristal
onde vive
un general.
Esta casa
é de losa
onde vive
unha roñosa.
Esta casa
é de palla
onde vive
a Cagalla.
Esta casa
é de pedra
onde vivía
unha doncella.
LEVÁNTATE MAIO, BASTANTE DORMICHE
PASOU UN BURRO E NON O SENTICHE.